VI Xornadas de Materiais Didácticos Recursos e materiais didácticos para o ensino en Galego

A idea
As VI Xornadas de Materiais Didácticos pretenden ser continuación dos anteriores congresos de materiais didácticos, tendo como obxectivo nesta ocasión, baixo o lema “Recursos e materiais didácticos para o ensino en Galego”, crear un espazo de eminente carácter práctico a través do cal poder difundir e dar a coñecer aqueles materiais didácticos e recursos educativos existentes en galego que contribúen á normalización da nosa lingua, tanto en centros de ensino como noutras entidades socioeducativas. 
Son coñecidas as dificultades para encontrar materiais en galego para determinadas áreas e proxectos, polo que se fai necesaria a difusión dos existentes e das ferramentas que poidan axudar á multiplicación deste tipo de materiais. Igualmente, a través do coñecemento e difusión dos materiais elaborados polo propio profesorado, preténdese recoñecer o gran labor que hai detrás da construción de recursos educativos polos propios docentes e do interesante abano de posibilidades que se abre a través do intercambio de experiencias e de recursos.
Entre as experiencias que se presentarán estará: "MATEMÁTICAS na ESO: Libros dixitais e cadernos de traballo do Proxecto Descartes"
Os obxectivos
1. Difundir os materiais didácticos innovadores concibidos e promovidos polo profesorado dos diferentes niveis do ensino e tamén dende diferentes colectivos de carácter educativo (concellos, movementos de renovación pedagóxica…) coa finalidade de contribuír á normalización lingüística.
2. Reflexionar sobre a relevancia e a necesidade de dispor de recursos educativos en galego para os diferentes niveis do ensino.
3. Participar en obradoiros que nos axuden a crear materiais didácticos e a contribuír á súa distribución.
ORGANIZAN:
CGENL: Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística e NEG: Nova Escola Galega
DATA: 29-30 DE NOVEMBRO DE 2013
LUGAR: Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida, USC)