cabezallo

Presentación Olimpiada 2023

OLIMPÍADA MATEMÁTICA 2023

 

 

                                    PRAZO DE INSCRICIÓN ATA o 24 de marzo de 2023

 

Co fin de promover a ensinanza e a aprendizaxe das Matemáticas a través da Resolución de Problemas, organizada por AGAPEMA, convócase a:

 OLIMPÍADA MATEMÁTICA GALEGA 2023 PARA O ALUMNADO QUE CURSA 2º DA ESO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

 

BASES

 

1. Participantes: Poden participar todo o alumnado dos centros educativos de Galicia matriculados en 2º da ESO no curso escolar 2022/23.
A efectos territoriais distínguense sete zonas: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo.

Nesta edición, a Olimpíada Matemática Galega 2º de ESO está dirixida a todo o alumnado do 2º curso da ESO dos centros públicos e privados de Galicia. Cada Centro pode presentar á Fase de Zona dous participantes por cada unha das súas unidades (grupos-clase) de 2º da ESO.

Estabécese un único periodo de inscrición para centros e alumnado. Este único prazo de inscrición rematará o 24 de marzo de 2023. O cumprimento deste prazo será imprescindible para a obtención do diploma de participación.

A comunicación cos participantes realizarase, salvo que se indique o contrario na inscrición, a través do correo electrónico. Para calquera comunicación coa organización utilizar o correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

2. Comité Coordinador:

  • O Comité Coordinador está constituído por membros de AGAPEMA.

  • En cada zona constituirase un Comité encargado de orientar a Fase de Centro e organizar a Fase de Zona.

  • O Comité Coordinador ten entre as súas funcións nomear o xurado da Fase Final Galega.

  • Se en algunha zona hai un número moi baixo de participantes, o Comité Coordinador poderá suprimila como lugar de realización de exame. Se é o caso, avisarase aos posibles afectados, indicándolles en que zona poden participar.

3. Fases da Olimpíada: A Olimpíada constará de tres fases

3.1 Fase de Centro: Esta fase ten lugar en cada Centro que debe poñer en marcha, entre o seu alumnado, todo o proceso de adestramento na Resolución de Problemas tanto a nivel individual como colectivo e, ao remate do mesmo, enviar á Fase de Zona como máximo dous representantes por cada grupo de 2º da ESO.

  • Antes do prazo establecido cada centro comunicará os nomes dos participantes cubrindo o formulario (inscrición de alumnos) que se atopa nesta páxina web. 

3.2 Fase de Zona: Cada Centro participará no lugar que designe a organización en función do número de participantes, procurando que os desprazamentos sexan o máis reducidos posible.

  • Terá lugar o xoves, día 27 de abril, ás 11h en todas as sedes (sempre que haxa un número mínimo de 5 centros inscritos na sede correspondente, no caso contrario indicaráselles a zona pola que poden participar). O lugar comunicaráselles oportunamente aos centros participantes. 

  • A proba consistirá na resolución individual de CINCO problemas, os mesmos en todas as zonas. Na valoración dos problemas primará o método de resolución empregado, a súa orixinalidade, etc, por enriba da mera solución.

  • Os participantes aportarán o material que consideren necesario na resolución das probas (bolis, calculadora, regras, ...), xa que só se lles facilitará papel DIN-A4.

  • Os gastos de desprazamento correrán a cargo dos participantes.

3.3 Fase Final Galega: A esta fase final acudirán 40 participantes seleccionados na Fase de Zona, correspondéndolle a cada unha un número de prazas proporcional ó número de participantes presentados en total.

  • Esta Fase terá lugar o xoves 25 de maio de 2023 na cidade de Lugo.

  • O Xurado da Fase Final encargarase da valoración das probas e designará os gañadores. O seu fallo é inapelable.

  • A corrección das probas realizarase asegurando tanto o anonimato de cada participante como o do centro de procedencia. Non se fará pública, en ningún caso, a puntuación obtida por cada participante.

  • Os gastos de desprazamento para participar na Fase Final Galega correrán a cargo dos participantes.

  • Entregarase un diploma acreditativo a todos os participantes da Fase de Zona e da Fase Final Galega. Os tres participantes individuais con maior destreza na resolución de problemas teñen a opción de participar na final da Olimpíada Matemática Española 2023 que será organizada pola Sociedad Canaria de Profesorado de Matemáticas en Tenerife a finais do mes de xuño. Á devandita final os participantes estarán acompañados por unha persoa da organización.

  • Os gastos de desprazamento e estancia na Fase Nacional dos alumnos e alumnas da nosa Comunidade que resulten seleccionados correrán a cargo da organización.

4. Interpretación: A interpretación das presentes bases correspóndelle ao Comité Coordinador.

 

 

Retornar á páxina inicial