cabezallo

XI REBUMBIO MATEMÁTICO

Co fin de manter vivo o contacto cos Centros de Educación Primaria e co seu profesorado, AGAPEMA, co patrocinio do Concello da Coruña e a colaboración dos CFRs de Galicia, convoca o XI Rebumbio Matemático para contribuír á mellora do proceso de ensinanza - aprendizaxe das Matemáticas a través da resolución de problemas de xeito cooperativo mediante o traballo en equipo dos alumnos participantes.

XI REBUMBIO MATEMÁTICO PARA O ALUMNADO QUE CURSA 6º DE EDUCACIÓN PRIMARIA NA COMUNIDADE AUTONOMA DE GALICIA

BASES

1. Participantes:

Poden participar todos os estudantes dos centros educativos de Galicia matriculados en 6º de Educación Primaria no curso 2010/11, formando equipos de tres persoas, que traballarán na resolución dos problemas de xeito cooperativo.

A efectos territoriais distínguense sete zonas: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo.

Os centros que desexen participar formalizarán, antes do 7 de marzo, a súa inscrición enviando por correo electrónico o Anexo I, indicando o número de equipos (un por clase) que van a participar e o profesorado responsable da participación á dirección de correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

A comunicación cos participantes realizarase, salvo que se indique o contrario na inscrición, a través do correo electrónico que se nos facilite. Para calquera comunicación coa organización débese utilizar o correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

Os gastos de desprazamento e outros que se puideran derivar da participación no Rebumbio correrán por conta dos participantes.


2. Comité Organizador:

O Comité Coordinador está constituído por membros de AGAPEMA.

En cada zona constituirase un Comité encargado de orientar a Fase de Centro e de organizar a Fase de Zona.

O Comité Coordinador ten entre as súas funcións nomear o xurado da Fase Final Galega.

Cando nalgunha zona o número de participantes se considerase moi baixo, o Comité Coordinador poderá substituíla por outra próxima como lugar de realización da proba, comunicándolles ós centros afectados, o máis axiña posible, a zona na que poden participar.

3. Fases do Rebumbio. O Rebumbio Matemático consta de tres fases:

a) Fase de Centro:

Cada profesor ou profesora debe poñer en marcha na súa clase ou clases, con todo o alumnado, un proceso de tratamento de Resolución de Problemas, individual e cooperativamente, de xeito que todos os alumnos teñan participación. Unha vez rematado este proceso de posta en práctica de Resolución de Problemas, cada profesor tomará a decisión sobre o equipo de tres persoas que enviará á Fase de Zona.

Antes do 31 de marzo de 2011, cada Centro comunicará os nomes dos participantes que forman cada equipo cubrindo a ficha que figura no Anexo II e remitíndoa por correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

b) Fase de Zona:

Cada centro pode participar con un equipo de tres persoas por cada unha das súas unidades (grupo -clase) de 6º de Educación Primaria e os equipos participantes deben adoptar un nome relacionado coas matemáticas: nome dun matemático (Gauss, Pitágoras, Thales, Ada Lovelace, Hipatia, Emma Castelnuovo, Miguel de Guzmán, Rey Pastor, María Wonenburger, Puig Adam ...), teorema, corrente, unidades de medida, números, xeometría, azar, operación, signo...

A celebración desta fase terá lugar o venres, 29 de abril, ás 10:30 h en todas as sedes (sempre que haxa un número mínimo de cinco equipos inscritos na sede correspondente; de haber menos de cinco equipos indicaráselles a zona na que poden participar). Cada Centro participará no lugar que designe a organización en función do número de participantes, procurando que os desprazamentos sexan o máis reducidos posible, e comunicaráselles oportunamente ós centros inscritos a través do correo electrónico facilitado.

A proba, que será a mesma e simultánea para todas as zonas, consistirá na resolución de SEIS problemas por parte dos tres membros de cada equipo traballando conxuntamente, de maneira cooperativa. Na valoración dos problemas primará o método de resolución empregado, a súa orixinalidade, as estratexias utilizadas, os procesos de representación, a expresión escrita do proceso seguido, o emprego correcto de unidades (se fose o caso), etc, por enriba da mera solución.

Os participantes aportarán o material que consideren necesario na resolución das probas (bolígrafo, lapis, regra, calculadora...), xa que só se lles facilitará papel DIN A4.

Segundo o número de equipos presentados en cada zona, farase un reparto proporcional das 15 prazas que hai na final, comunicándose á cada unha delas o número de equipos que se clasificarán durante o desenvolvemento da proba.


c) Fase Final Galega:

O obxectivo desta xornada é ter un día de convivencia dos 15 equipos clasificados, realizar as probas correspondentes, semellantes ás da Fase de Zona, e desenvolver outro tipo de actividades de carácter lúdico dentro da ampla oferta da cidade da Coruña.

Esta Fase Final terá lugar o 27 de maio, venres, ás 10:30 h no Fórum Metropolitano (Parque Europa) da Coruña, segundo o horario que se xunta.

A organización desta fase corre a cargo de AGAPEMA, co patrocinio do Concello da Coruña e a colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O Xurado da Fase Final encargarase da valoración das probas e designará os gañadores. O seu fallo será inapelable. A corrección realizarase asegurando tanto o anonimato de cada participante como o do centro de procedencia. Non se fará pública, en ningún caso, a puntuación obtida por cada equipo participante.

Entregarase un diploma acreditativo a todos os participantes da Fase Final Galega. Os tres equipos participantes que demostren unha maior destreza na resolución de problemas recibirán, ademais do diploma acreditativo, un obsequio.
4. Interpretación:

A interpretación das bases correspóndelle ó Comité Coordinador.
Para contactar coa organización: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

O XI Rebumbio día a día
 7 de marzo Comunicar por correo electrónico o número de equipos e os datos do centro (Anexo I)
31 de marzo Comunicar por correo electrónico dos nomes e os compoñentes dos equipos (Anexo II) Ficha con todos os datos
29 de abril Probas fase de Zona Utensilios alumnos  10: 30
9 de maio Cada xurado de zona envía os nomes dos clasificados para a final
27 de maio Fase Final Utensilios alumnos  10: 30