Pregunta 1: Que podo presentar na FEIRA eu, como docente?
Resposta 1: Podes presentar calquera actividade feita na clase, sempre que consideres que merece a pena dala a coñecer como estímulo para o alumnado ou para que a poñan en práctica outros docentes. Cada un, se ten alumnado dabondo para explicala, pode presentar máis dunha proposta didáctica. A proposta pódela presentar ti, parte do teu alumnado ou conxuntamente. Ti, como responsable, debes de estar presente ou, cando menos, no recinto.
Pregunta 2: De que dispoño para montar e vender a nosa proposta didáctica?
Resposta 2: Dispós dun posto formado por cinco paneis verticais de 1 m x 2 m (tres de fondo e dous laterais); unha mesa e varias cadeiras. Nos paneis podes poñer toda a publicidade que estimes oportuna para dar a coñecer a proposta; a mesa e as cadeiras son para explicala máis polo miúdo a cada persoa que se achegue polo voso posto.
Pregunta 3: Podemos dispoñer dalgún material para entregar ás persoas visitantes?
Resposta 3: O material funxible para a montaxe corre por conta dos participantes. Podedes traer material ou fotocopias para entregar a persoas visitantes explicando a actividade, xogo, etc. Nas fotocopias pode figurar un anagrama e unha cabeceira como a que podes baixar aquí
Pregunta 4: Teremos algunha compensación?
Resposta 4: A compensación será, en todo caso, moral. Dende logo, como asociación, resúltanos imposible cubrir gastos de desprazamento, dietas, materiais, etc. Estamos traballando arreo para poder ofrecer gratuitamente bocatas e bebidas para xantar, pero iso non estamos en condicións de poder concretalo agora. Tamén é certo que non se cobra cota algunha por participar.
Pregunta 5: É preciso ser docente da especialidade de matemáticas para poder presentar unha actividade na Feira?
Resposta 5: Non. Nin fai falta ser docente. Calquera persoa pode presentar unha actividade sempre que pase a Comisión de Control. Precisamente un dos obxectivos da Feira é favorecer o proceso de ósmose matemático na sociedade e contribuír á popularización das matemáticas.