XVII Feira Matemática 2024

O lema deste ano para a nosa Feira Matemática é Matemáticas e agricultura, o que vos pode dar unha idea para a preparación de actividades ou material. Nesta ligazón podedes descargar o material elaborado por Lorenzo J. BLanco Nieto, Juan Guerra Bermejo, Mariano Terrón Villalba, Beatriz Blanco Otano e Antonio Molano Romero e que foi publicado no número 104 da revista SUMA.

A celebración, dedicada a todas as etapas do ensino, consiste nunha Feira na que cada Centro, cada profesor, cada grupo de alumnos pode expoñer, vender, mercar unha ou máis propostas didácticas ou actividades entre as que considere oportuno.

Este ano a XVII FEIRA MATEMÁTICA celebrámola o 6 de abril, sábado, no Hall de Proa de PALEXCO, dende as 11 h ata as 20 h.

Convocamos tamén tres concursos: de Fotografía Matemática, de Matmonólogos e de Esopías. Para participar nestes concursos, tedes que entrar no MATEBLOG  o prazo para participar será ata o día 23 de marzo (informaremos do período de votacións). Os concursos están abertos a todos os que queiran participar, sexan estudantes de calquera nivel, profesorado ou calquera que o desexe.

Queremos contar coa vosa participación para ir enchendo isto, que quere ser un espazo de comunicación con todas e todos vós. Animádevos e non esquezades que contamos con todos, cos vosos traballos e colaboracións para poder levar adiante esta actividade que consideramos ambiciosa dabondo pero que paga a pena.

Se queredes participar enchendo un posto cos vosos estudantes e aportando actividades, poderedes inscríbirvos neste formulario  ata o 23 de marzo ou ata completar aforo (o que antes suceda)

Por todo isto esperamos as vosas aportacións para que a Feira sexa unha realidade.

Conforme avancemos no tempo, iremos colocando nesta web as novas que teñamos e as informacións que vos poidan ser de utilidade, tanto para participar como ‘visitantes’ ou como ‘comerciantes’.

Quedades, polo tanto, convidados todas e todos a participar o 6 de abril de 2024 en Palexco na 

XVII Feira Matemática 
Scroll ao inicio