XVIII Feira Matemática

O lema deste ano para a nosa Feira Matemática é “A maxia das Matemáticas”, o que vos pode dar unha idea para a preparación de actividades ou material. Nesta ligazón podedes descargar o material elaborado por Antonio Arroyo Miguel, pertencente á Sociedad Castellano y Leonesa de Educación Matemática «Miguel de Guzmán».

A celebración, dedicada a todas as etapas do ensino, consiste nunha Feira na que cada Centro, cada profesor/a, cada grupo de alumnado pode expoñer, vender, mercar unha ou máis propostas didácticas ou actividades entre as que considere oportuno.

Este ano a XVIII FEIRA MATEMÁTICA celebrámola o 22 de marzo, sábado, no Hall de Proa de PALEXCO, dende as 11 h ata as 20 h.

Convocamos tamén tres concursos: de Fotografía Matemática, de Matmonólogos e de Esopías. Para participar nestes concursos, tedes que entrar no MATEBLOG  e o prazo para participar será ata o día 7 de marzo (o período de votación será do 12 ao 19 de marzo). Os concursos están abertos a todos os que queiran participar, sexan estudantes de calquera nivel, profesorado ou calquera que o desexe.

Queremos contar coa vosa participación para ir enchendo isto, que quere ser un espazo de comunicación con todas e todos vós. Animádevos e non esquezades que contamos con todos, cos vosos traballos e colaboracións para poder levar adiante esta actividade que consideramos ambiciosa dabondo pero que paga a pena.

Se queredes participar enchendo un posto cos vosos estudantes e aportando actividades, poderedes inscríbirvos neste formulario  ata o 8 de marzo ou ata completar aforo (o que antes suceda).

Por todo isto esperamos as vosas aportacións para que a Feira sexa unha realidade.

Conforme avancemos no tempo, iremos colocando nesta web as novas que teñamos e as informacións que vos poidan ser de utilidade, tanto para participar como ‘visitantes’ ou como ‘comerciantes’.

Quedades, polo tanto, convidados todas e todos a participar o 22 de marzo de 2025 en Palexco na 

XVIII Feira Matemática 

Scroll ao inicio