Amigas e amigos das matemáticas:
Coa ilusión habitual, informamos de que xa está dispoñible na páxina web de AGAPEMA un novo número da revista Gamma: o 16. Nel podedes atopar artigos de temas variados relacionados coa divulgación e o ensino das matemáticas, acompañados por cinco das seccións fixas e polos resumos das actividades nas que a asociación está presente como organizadora ou colaboradora.
A revista publícase unicamente en formato dixital (PDF). Podedes descargala na ligazón agapema.org/gamma, onde atoparedes tanto a revista completa coma todos os artigos en arquivos individuais.
O comité editorial convídavos a ler e gozar desta nova edición da revista. En contrapartida, queremos pedirvos que, na medida do posible, axudedes na difusión de Gamma facéndolla chegar a toda persoa a quen creades interesada.
Por suposto, tamén vos animamos a colaborar coa elaboración do próximo número, o 17, que esperamos vexa a luz dentro dun ano. Se vos apetece participar no proceso de edición, ou se vos gustaría colaborar na redacción dun artigo sobre calquera aspecto das matemáticas co que esteades a traballar, podedes contactar co equipo da revista escribindo a gamma@agapema.org.
O comité editorial de Gamma.

